Publicado en Traballos individuais

O futuro coa tecnoloxía por bandeira

Ao longo da historia, as persoas sempre foron adquirindo novos instrumentos e ferramentas co gallo de se acomodar ao medio. Todos estes inventos viñeron da man da tecnoloxía, e grazas a ela o ser humano foi quen de superarse a si mesmo. Hoxe en día, a maneira de evolucionar non mudou, mais si cambiaron os ritmos, os obxectivos e os intereses de fondo. Agora, evolucionamos a pasos axigantados e cuns fins moi concretos por parte dos Estados e das empresas. As novas tecnoloxías manexan o mundo. E coma todo, isto leva consigo unhas cantas vantaxes pero tamén inconvenientes.

Trátase dun círculo vicioso: os Estados máis potentes e aquelas empresas privadas máis poderosas financian á ciencia para que esta lles proporcione medios cos que crecer economicamente e expandirse politicamente. Un sistema capitalista constrúese sobre a idea do crecemento permanente, e a tecnoloxía é o medio para acadalo. Os inventos e os descubrimentos dan poder, e o poder gusta moito. Deste xeito, o interese é, máis ca nada, económico.

O ser humano atópase capacitado para adquirir enormes poderes de creación e destrución grazas ás novas tecnoloxías, e non só é capaz de transformar o seu contorno, senón que tamén é quen de transformarse a si mesmo. Isto é, modificar o noso corpo e mente de maneira radical. É por isto que Yuval Harari fala da división non moi lonxana da sociedade en superhumanos mellorados e unha masa de persoas imprescindibles. E quen sabe se esta será unha versión mellor ou peor ca a nosa.

Con todo, a desigualdade faise patente dende o comezo. En primeiro lugar, non todo ser humano ten acceso a estas novas tecnoloxías, e polo tanto, non se trata dun reparto equitativo. Ademais, a brecha das desigualdades entre países faise, se cabe, aínda máis grande: só aqueles Estados con importantísima capacidade adquisitiva manexan os avances nas novas tecnoloxías. E deste xeito, farano ao seu antollo, mirando cara aos seus propios intereses.  Esta dinámica, propia do capitalismo no que a sociedade se somerxeu, alimenta o clasismo e o elitismo dentro das masas.

A obsesión por avanzar e mecanizar todo canto existe fai que aos grandes investigadores se lles esqueza pensar nas consecuencias destas accións. Non se decatan de que cada movemento repercute sobre o noso planeta e sobre os demais seres vivos que conviven nel. Por isto, é preciso ser, ante todo, responsables, e ter en conta non só as consecuencias a curto prazo, senón tamén a longo prazo. Non será beneficioso que as máquinas o controlen absolutamente todo, porque entón, os humanos sobraremos.

Por todo isto, é fundamental aprender a empregar as novas tecnoloxías de maneira que minimicemos os seus prexuízos sobre o noso entorno. Nas súas mans está a capacidade de perfeccionarnos e mellorar, mais tamén é unha ferramenta destrutora moi potente. Sería conveniente confiar en nós mesmos máis ca nas máquinas e frear unha estandarización nas modas e nos pensamentos, que finalmente, nos converterá en seres homoxéneos sen ningunha particularidade. E que ofreceremos nós?

Este é o tren no que o primeiro mundo se montou, e non ten intención de parar. Os intereses económicos seguirán movendo os fíos das novas tecnoloxías, e polo tanto, nas mans dos poderosos está o noso futuro.

Uxía Iglesias Reviejo

Unha opinión sobre “O futuro coa tecnoloxía por bandeira

  1. Uso entrevista Yuval Harari, mal citado e sen referencia completa á fonte. Non era unha reflexión en xeral sobre a tecnoloxía. Era unha reflexión sobre como poden incidir tecnoloxías como a ciencia dos datos ou a intelixencia artificial no discurrir da sociedade. Non se axusta, exactamente, ao solicitado.
    Clemente, Enrique. “Yuval Harari: El mundo se dividirá en superhumanos mejorados y una masa imprescindible” [entrevista]. La Voz de Galicia, 15 outubro 2016. [Consulta: 3 novembro 2016].

    Gústame

Deixar un comentario