Publicado en Traballos individuais

Reflexión: o futuro do ciberespazo

O ciberespazo é ese mundo virtual e abstracto no que, en maior ou menor medida, todos parimos continuamente unha vida a través dun aparello electrónico con conexión á rede. O futuro desa nosa vida paralela depende, pois, do devir da Internet.

Nesa rede de redes, son milleiros de datos os que conforman o noso perfil como persoas usuarios. É tal a cantidade de información alí vertida que incluso o noso nivel de autocoñecemento é menor ao que podería obter calquera persoa capaz de descodificar todos eses datos. Somos material de traballo dos entendidos do ámbito tecnolóxico. A privacidade é mínima.

No contexto actual – a era do aínda descoñecido fenómeno do Big Data -,  practícase unha revolucionaria técnica de control da sociedade. Os Gobernos e as grandes empresas, en posesión das ferramentas necesarias,  manexan ao seu antollo o masificado banco de datos, repleto de información cidadá. Un golpe a este sistema derrubaría a infraestrutura social tal e como a concebimos hoxe en día. É este o motivo polo que se invirte tanto diñeiro en seguridade cibernética a nivel gubernamental, por exemplo.

Neste sentido, hai quen fala xa do ciberespazo como o escenario bélico do futuro: o terrorismo cibernético, as guerras libradas na Internet batalla a batalla, hackeo a hackeo.

Porén, e voltando de novo ás persoas, quizais non sexamos totalmente conscientes da transformación que se está a sufrir no eido da informática. Ademais de espirnos de datos (e á vez que ocorre isto), as posibilidades que ofrece o porvir do ciberespazo son inmensas en canto á utilidade que nos prestarán na nosa rutina. Neste punto entra en xogo a Internet das cousas: a intelixencia artificial, aplicada sobre todo aos obxectos do fogar. Agárdase que sexan os propios electrodomésticos os que se ocupen de tarefas tales como comprobar a data de caducidade dos produtos, facer a compra, revisar aspectos da saúde da persoa, etc.

Non estamos, pois, deshumanizando a humanidade? Cal é o límite? E quen o fixa?

Dá a impresión de que nos imos alonxando da esencia da vida. E de que nola rouban.

Silvia López López


Bibliografía: 

Unha opinión sobre “Reflexión: o futuro do ciberespazo

  1. De acordo. Axústase ao solicitado. Pero quen fala do ciberespazo como escenario bélico, por exemplo. Hai referencias bibliográficas, ben redactadas, pero, por exemplo, non hai citas deses traballos. Por que se referencia a entrevista de Yuval Harari si non hai mención á mesma no texto?.

    Gústame

Deixar un comentario